Despois de ter comprobado a cantidade de lixo que se estaba xerando nas merendas, decidimos poñer en marcha un reto relacionado con isto: Merendas saudables. Compartímolo coas familias e explicámosllo ao alumnado, puntualizando que era un reto para toda a clase, non era individual.
Durante uns días estiveron preguntando sobre os alimentos que máis puntuaban, que pans debían traer se querían conseguir o máximo de puntuación, con que tipo de vexetal podían acompañar os seus bocadillos...
As familias foron informadas a través dunha carta que se compartiu polo espazo Abalar, ademais de colgar a información nas redes sociais do centro.
Elaboráronse dous tipos de táboas, un para o alumnado de infantil e outro para primaria, coa finalidade de que puideran ir levando o reconto dos seus puntos.
Ao finalizar o reto, os cursos gañadores foron 4o de Primaria e 5o de Educación Infantil. Con eles levouse a cabo unha merenda saudable. O resultado foi todo un éxito.
Despois da boa acollida do reto anterior decidimos poñer en marcha outro reto, o de Plásticos cero nas merendas. Quixemos dar un paso máis, son só que fose saudable, senón que non tivese envases de ningún tipo.
O xeito de proceder foi o mesmo, explicamos ao alumnado o reto, informamos ás familias e fixémoslles suxestións para as merendas con lácteos, xa que estas están marcadas nalgún dos días en Educación Infantil.
A maneira de puntuación esta vez era distinta, as clases gañadoras serían as que menos puntuación obtivesen.
Nesta ocasión centrámonos nos plásticos dun só uso, material que está xerando unha boa morea de dificultades ao resto de seres que habitan a Terra e que non teñen voz para expresarse.
Nesa semana propuxemos non consumir alimentos envasados desde xeito. Pero isto non quería dicir deixar os plásticos na casa, non. Tratouse de buscar alternativas a estes “alimentos”, que lle désemos unha volta á nosa cesta da compra. Coa mesma igual nos damos conta de que si podemos prescindir dalgún deles e podemos botar man doutros máis beneficiosos para a nosa saúde e a da Nai Terra.
Esta vez gañaron 2o de primaria e 6o de Educación Infantil. O premio volveu ser un obradoiro de merendas saudables onde cada nena e neno compuxo e saboreou a merenda como máis lle apeteceu.
Podedes botarlle un ollo aos obradoiros de merendas que organizamos. Rico, rico!
Como en anos anteriores, o 24 de outubro, Día das Bibliotecas Escolares, damos a coñecer o proxecto dese curso ao resto da Comunidade Educativa. Esta vez, o comité de Voz Natura convidounos a levar accións que fosen destinadas a coidar a nosa biodiverdidade, a protexer a nosa flora e fauna. Dende o centro centramos este proxecto no microsistema que supón o noso patio. Se aprendemos a coidar o que temos máis próximo, o que sentimos como propio, extrapolaremos este coidado ao resto, á comunidade na que estamos inmersos. O feito de ter un patio no que poder xogar, correr, bailar, sachar, plantar, relaxarse, debuxar, falar, ler, ..., un patio onde poder medrar rodeados de grandes árbores e con espazos verdes con pequenos animaliños agochados nas herbas; un lugar que conta con espazos que ...
A semana do5 ao 9 de xuño foron moitas as tarefas que se levaron a cabo por parte do alumnado do centro en relación ao Día do Medio Ambiente. O alumnado de Educación Infantil fixo percorridos polo centro na procura de herbas aromáticas, estamparon follas que recolleron no patio ao tempo que recollían todo lixo que atopaban no seu camiño, elaboraron medallóns empregando herbas e fixeron lecturas de contos relacionados co tema. Temos que dicir que o feito de ter unha nova biblioteca con moitos recursos ao noso alcance tamén nos está axudando. A radio estase a converter nun recurso moi interesante ao que todos e todas lle estamos sacando un bo proveito, e iso estase revertendo de maneira positiva no noso traballo divulgativo. Non tedes máis que escoitar o podcats elaborado polos nenos e nenas de 5 anos sobre como ven eles e elas o coidado do Medio Ambiente. https://www.ivoox.com/player_es_podcast_2038337_zp_1.html?c1=62bc43 Os máis pequenos e pequenas do cole levaron para as súas cas...
O luns pola mañá dispuxémonos a facer a primeira das actividades a favor da Nai Terra. Esta vez tocoulles aos máis pequenos do centro. O alumnado de Educación Infantil foi quen se puxo “mans ao plástico”. Despois dunha pequena charla na que falamos da importancia de non tirar o lixo ao medio, diferenciando aquilo que é plástico do que son elementos naturais, puxemos os guantes e comezamos a tarefa. Logo dun tempo de traballo, as bolsas comezaron a encherse. Temos que dicir que a praia de Area, comparada con outras, está especialmente limpa. Aínda así, a pesar de que parecía que non había nada de lixo, recollemos moitos restos de aparellos, cordas, algunha botella e tapóns e outros materiais. Os nenos e nenas tamén recolleron algo que lles pareceuun plástico, pero non o era. Atoparon un ovo de raia que confundiron con este material. Despois da recollida tocou lavar mans e tomar unha boa merenda nas mesas. Nesa zona íanse fixando e vían tamén residuos no chan, moitos deles eran cabi...
Comentarios
Publicar un comentario