Charla de nutrición para o alumnado

 O pasado venres 19 tivemos a sorte de contar cunha nutricionista no cole, visita que xestionou a nosa ANPA. Veunos falar un pouco de todo aquilo que debemos comer e o que non é moi aconsellable.

Os máis pequenos e pequenas quedaron un tanto sorprendidos ao escoitar o que nos ía contando sobre os almorzos.

Díxonos que non había galleta boa, sobre todo se son desas que mercamos que veñen con moitos ingredientes. Se nos apetecía moito tomalas, mellor sempre feitas na casa ou dalgunha panadería, pero só moi de vez en cando.

O mesmo nos dixo do pan, que mercásemos aqueles que só se fan con fariñas, podendo ser integrais, auga, sal e lévedo. Ollo aos que teñen moitos ingredientes “raros”. Por certo, presumimos un pouco da panadaría que temos tan preto, é que unhas torradas con pan de Galdo no almorzo...

Tamén nos falou dos zumes. Estes non son unha opción. Cando facemos o zume deixamos de comer a fibra, é coma se estivésemos bebendo auga con azucre. E a cousa empeora se o zume é industrial, cheo de moitos azucres enmascarados e outros ingredientes que non nos aportan nada. A mellor opción é sempre a froita.

Os iogures tamén teñen o seu. Sempre naturais e sen azucre. E se nos apetece de sabores podemos engadirlle anaquiños de froita e listo. Por certo, os iogures ou sobremesas lácteas bebibles nin cheiralas, teñen azucre para dar e tomar!

Outro dos puntos fortes do almorzo foi o relacionado con certos produtos que levan un pouquiño de cacao e moito, pero que moito azucre. Mellor ir acostumando ao padal pouco a pouco ao cacao puro, se é iso o que nos gusta. O que queira leite ou bebida vexetal quentiña tamén a pode tomar soa, esa sempre é outra opción.

Falounos da importancia de aumentar o consumo de froitas e verduras e de consumir cereais integrais. Tamén dixo que nas comidas a cuarta parte do prato debería ser proteína, que poden ser de orixe vexetal ou animal: legumes, ovos, peixe, carne... Pero aclarou que mellor non abusar de carnes vermellas (como moito un día á semana) nin dos embutidos. Mostrounos esta imaxe, onde se ve a proporción de alimentos que debe levar unha comida saudable.

Para beber nas comidas, o melloriño a auga, non hai nada mellor. Os refrescos mellor deixalos no establecemento, alí non nos farán dano (se non o hai na casa non se toma, é doado).

Recalcou moito a importancia de mirar as etiquetas se temos que mercar produtos procesados, revisar a cantidade de azucres, de graxas e sal, e escapar deses ingredientes que nin sequera sabemos pronunciar.


Tamén nos falou dalgún sistema de etiquetado empregado nos alimentos para valorar se son saudables
ou non (van do máis saudable A ao menos E). Insistiu que teñamos coidado con eles, xa que moitos produtos alimenticios pouco saudables teñen unha boa puntuación.

Claro, para completar esta dieta saudable, todo o anterior ten que ir acompañado de vida activa e social, nada, que hai que moverse. A verdade é que facer exercicio en espazos naturais e en boa compaña déixate como nova.

Temos que dicir que nós tamén a deixamos sorprendida a ela cando lle mostramos as fotos dos bocadillos saudables que trouxestes para as merendas e os obradoiros que fixemos no cole. Ben feito, familias!

E xa sabedes, unha boa comida en familia, deixando de lado as pantallas, gozando
da conversa mentres mastigamos tranquilamente, iso... iso si que é saúde!

Se queredes podedes botarlle un ollo á seguinte guía de alimentación feita pola Axencia de Saúde Pública da Generalitat de Catalunya. Hai a versión en castelán.

Deixámosvos o enlace para que a poidades ver se vos apetece.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Limpeza río Landro feita polo alumando de 1o e 2o de primaria.

Educación Infantil Limpeza.

Rematando a tempada.