Reforestación Monte San Roque na semana da Nai Terra.

 A xornada do día 18 foi ben maratoniana. O alumnado de quinto e sexto de Primaria foron os encargados de poñer o seu grao de area no coidado dos ecosistemas que nos rodean. Esta vez centrámonos no monte San Roque. Quedamos cos axentes medioambientais da Consellería de Medio Rural para poder reforestar unha das zonas do monte. Esta actividade tivo que ser adiada ao non ter acceso ao monte con anterioridade. Resolto ese problema buscouse outra data, e que mellor que a data máis próxima ao 22 de abril, Día Mundial da Terra.
A actividade tivo varios focos. A parte máis importante xirou en torno á plantación de bidueiros, cerdeiras, e outras árbores frondosas. O alumnado axudado polos axentes mediombientais e armado de palas deu o mellor de si nesta actividade. O contacto coa terra é tremendamente gratificante, máis aínda cando sabes que estás poñendo un pequeno gromo do que será un bosque no futuro. O feito de poder incidir desta maneira tan positiva na Natureza é moi satisfactorio.

Pero non só se quedou niso, ademais das árbores puxeron dous niños para paxaros no monte. Agora só queda saber que sexa do agrado destes animaliños.
Unha vez feito isto, o persoal do servizo de prevención de incendios ensináronlles aos nenos e nenas como funcionaba a motobomba e en que consistía o seu traballo, tal e como se fixera no centro cos resto dos alumnos e alumnas. Esta parte encántalles, poder coller unha mangueira e sentirse bombeiro forestal por uns intres é algo co que todos e todas soñamos algunha vez. 

Rematado isto houbo que coller forzas para a baixada, non hai nada coma unha boa merenda para repoñer enerxía para a ruta que lles quedaba por diante ata a vila. O camiño fíxose polos sendeiros que van polo medio do monte San Roque cara á parte baixa.

Foi unha xornada na que puideron ver distintas maneiras de coidar a Natureza e, ao tempo, distintas formas nas que a Natureza nos agasalla co seu ritmo lento e tranquilizador, coa súa paisaxe e sons, e cunha enerxía e vitalidade que só temos cando volvemos a ela, á nai.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Limpeza río Landro feita polo alumando de 1o e 2o de primaria.

Educación Infantil Limpeza.

Rematando a tempada.