Hoxe tocou caldo da nosa horta
Cada ano o alumnado planta e coida os repolos para despois poder degustalos. É marabilloso ver a cara que van poñendo cando semana a semana comproban como van medrando as plantas. Tamén comproban que non son aos únicos que lles gusta o repolo, aos caracois tamén lles encantan as nosas verduras. Con moita paciencia dedican un tempo a invitar a estes pequenos animaliños esfameados a comer a herba que temos a redor das hortas, porque outra cousa non, pero herba temos abondo.
O día que toca recoller para levar á cociña, se te fixas ben, podes ver como os nenos e nenas medran cando entregan o froito do seu traballo ao noso equipo de cociña. Esa sensación de satisfacción e orgullo acompáñaos no seu percorrido da terra á mesa. Se a todo isto engadimos o bo facer das tres mulleres que preparan o xantar cada día, non temos ningunha dúbida de que o caldo de repolo estivo para chuparse os dedos.
Comentarios
Publicar un comentario