Día Internacional dos Bosques

No mes de marzo propúxose como reto dende Voz Natura o de “plantar”. Quixemos aproveitar esta oportunidade para enfialo co 21 de marzo, día Internacional dos Bosques. Para celebrar este día, este ano contamos coa colaboración dunha brigada pertencente á Consellería de Medio Rural dos servizos de Montes e Prevención de Incendios Forestais. A través da ANPA do centro, puxéronse en contacto connosco e acordamos varias actividades.

Para o día 21 centrámonos en traballar co alumnado de Educación Infantil e os tres primeiros cursos de Educación Primaria. Despois de darlles unha pequena charla sobre a importancia de coidar os nosos bosques, ensináronlles en que consistía o seu labor na extinción de incendios. Pero isto fixérono de maneira práctica. Para os máis pequenos/as foi toda unha experiencia poder usar as palas coas que apagan os lumes, ou manexar a mangueira. De seguro que neste día se forxou algunha vocación futura.

Cando coidamos un bosque nos só coidamos as especies vexetais que forman parte del, estamos protexendo a moitos e diversos organismos, dende fungos a numerosas especies animais, grandes, pequenos e microscópicos. É esencial que os nenos e nenas se dean conta da importancia das árbores para todos estes seres vivos, tanto á hora de proporcionarlles alimentos a como de ofrecerlles un lugar no que vivir. Con tal fin, os axentes de Medio Rural axudáronlle ao alumnado a colocar dúas casetas para paxaros. Só queda saber se estas aves considerarán o noso patio como un lugar idóneo para aniñar.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Limpeza río Landro feita polo alumando de 1o e 2o de primaria.

Educación Infantil Limpeza.

Rematando a tempada.