Xornada micolóxica na fraga das Saímas

 Unha saída á Natureza sempre é un bo plan, mais se é a un sitio tan incrible como a fraga das Saímas. Este lugar, descoñecido para moitos de nós, acolleunos para poder acercarnos e coñecer un pouquiño máis o mundo dos fungos, sobre todo o dos cogomelos ou carpóforos, tal e como nos explicou Ana, a técnica forestal que nos acompañou. Nesta ocasión foi o alumnado de 5o e 6o de primaria quen tivo a oportunidade de poder rodearse de carballos, castiñeiros, bidueiros, ..., e envolverse dos sons da fraga.



Despois dunha pequena charla onde nos deu as normas de recolección e de boas prácticas que deberiamos seguir cando estamos en espazos naturais, comezamos a andaina coa fin de ir clasificando os cogomelos que atopabamos polo camiño. Fomos collendo algún exemplar para despois poder expoñelo no centro e poder investigar máis sobre esa especie empregando as guías.

Non é doado recoñecer os cogomelos e poder distinguir un comestible do seu curmán ou irmán tóxico ou velenoso. Tal e como Ana nos indicou, moitos cogomelos que si podemos comer teñen un da mesma especie moi parecido que nos pode facer mal ou incluso matarnos se o inxerimos. Por esta razón é moi importante estar ben seguro do que recollemos con fins culinarias.

Nesta saída, ademais de todo o anterior, puidemos aprender moito sobre a morfoloxía dos fungos, a súa reprodución, os distintos tipos que hai e a súa importancia para os ecosistemas nos que están inmersos. Calquera especie que nos atopamos cando damos un paseo pola Natureza está aí por algunha razón. Debemos aprender a respectalas e non esquecer que elas estaban aí moito antes ca nós.

Ademais de todo o anterior tamén puidemos ser conscientes da repercusión do ser humano nos ecosistemas. É necesario darlles aos nenos e nenas as ferramentas necesarias para que non repitan os nosos erros.


A pesar disto último, foi unha oportunidade de aprendizaxe en contacto coa Natureza ben gratificante brindada pola ANPA do cole e o concello de Ourol.



Comentarios

Entradas populares de este blog

Limpeza río Landro feita polo alumando de 1o e 2o de primaria.

Educación Infantil Limpeza.

Rematando a tempada.