Pílulas de ilusión.

 O pasado 25 de novembro tivemos a sorte de poder participar nunha xornada deseñada por Prato_Do para o proxecto Vivemar (Concello de Viveiro) en colaboración con Educación Azul e España Azul.

O alumnado de 5o e 6o de primaria tivo a oportunidade de poder coñecer ao naturalista, explorador, divulgador e escritor Nacho Dean. Nunha charla, á que tamén asistiron nenos e nenas doutros centros educativos, relatoulles as distintas iniciativas que levou a cabo ou que está realizando neste momento. Faloulles do motivo que move cada unha das súas expedicións e da importancia de darlle unha volta á relación prexudicial que mantemos coa Natureza.

Despois deste tempo de conversa tocou poñerse mans á obra. Tiveron a sorte de estar acompañados por Nacho mentres limpaban a praia de Covas. Ademais de preguntarlle por diversos momentos dos seus percorridos polo mundo, os nenos e nenas falaron con el sobre o lixo co que se ían atopando. Descubrir a cantidade de residuos plásticos que colonizan os areais foi en certa medida impactante para o alumnado.


Despois de 45 minutos de traballo, 45 persoas recolleron 45 quilos de materiais de refugallo. É sorprendente ver a cantidade de recipientes, utensilios de traballo, de hixiene corporal, bolsas, ..., que van parar ás nosas costas ou ao mar. Este feito puidérono comprobar en primeira persoa todos e todas os/as que estaban alí.


Despois de ter feita a selección do lixo fíxose unha reflexión conxunta desta situación.

Pensamos que xa é tempo de cambio, que debemos poñer un alto a esta maneira de vivir á que estamos afeitos. É hora de botar unha ollada ao noso arredor e apostar polo cambio.

Este é o noso momento!



Comentarios

Entradas populares de este blog

Limpeza río Landro feita polo alumando de 1o e 2o de primaria.

Educación Infantil Limpeza.

Rematando a tempada.