26 de xaneiro: Día da Educación Ambiental.


A partir dos anos 70, a educación ambiental comeza a ser algo no que se pon a mirada, coincidindo este feito co momento no que se empeza a ter consciencia sobre a destrución dos ecosistemas e a deterioración da Natureza. Vese nesta década a necesidade de incluíla no conxunto dos procesos educativos, traballando coa mocidade dese tempo, iniciando así un camiño cara a prevención.
Dende ese momento ata os nosos días son moitos os cumes, encontros internacionais, charlas, conferencias, mobilizacións, ... que se levan a cabo en todo o planeta co obxectivo de acadar un desenvolvemento sostible, un desenvolvemento que vaia da man da Natureza e non contra ela.
A pesar de todos estes esforzos penso que estamos nun punto un tanto perigoso. A nosa convivencia cos materiais plásticos dun só uso converteuse en algo tan habitual que nos costa pararnos a pensar á hora de mercar. Dámos por feito que son a única opción que temos no mercado, que nós non podemos ir contracorrente, que por moito que nos esforcemos, os nosos traballos van ser estériles diante de tantas outras persoas que non van na nosa liña. É como se estivésemos durmidos esperando a que un día, ao espertar, todo isto mudara e non houbese ningún problema, que científicos de todo o mundo asegurasen
que o cambio climático, as illas de plástico dos océanos, o aumento do CO 2 , a contaminación do aire, a extinción de especies animais e vexetais, a acidificación dos océanos (e non quero seguir), todo isto do que nos levan falando durante décadas non existe, todo foi un erro. Ou moito me engano, ou isto non vai pasar.
Por esta razón quero compartir convosco algo que me preocupa: a situación que se está a dar co plástico no centro. Paréceme incrible a rapidez coa que os adultos enchemos os colectores amarelos do centro co plástico das merendas, as comidas ou os materiais escolares,... (porque neste caso é a nosa responsabilidade, a dos adultos, e non dos nenos e nenas). Cada quen ten os seus motivos, as súas circunstancias, o seu criterio e maneira de ver a vida. Todos somos libres de vivir como pensemos que é mellor para nós e as nosas familias. Sei que cada vez énos máis difícil atopar alimentos saudables libres de envoltorios plásticos e que temos menos tempo para poder buscar alternativas a eles, seino. Eu só me pregunto se nese facer as cousas ao noso xeito nos paramos un momento a pensar nos demais, nos nosos fillos e fillas, no mundo que lles imos deixar .
Gústame moito como Ole Mathismoen e Jenny Jordahl enfocan no seu cómic ¿Pero qué pasa con el clima? o feito de que se, cada un dos oito mil millóns de persoas que habitamos o planeta Terra, pensamos que somos insignificantes, que non podemos face nada polo medio ambiente, por cambiar o xa establecido, ninguén fará nada. “Pero se todos facemos un pouquiño, ao final faremos moito”. Penso que esta é a idea que debemos abrazar, ou polo menos é a que eu tento ter presente cada día que consigo evitar un envoltorio plástico na miña cesta da compra (que non sempre é así). Por isto pregúntovos: que podo facer eu aquí e agora?

Inés Castro
Coordinadora do Programa Voz Natura
 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Limpeza río Landro feita polo alumando de 1o e 2o de primaria.

Educación Infantil Limpeza.

Rematando a tempada.