A festa de Samaín foi ben distinta. Tivemos un pouco de todo, dende boa literatura ata seres deliciosamente arrepiantes. Esta celebración de final de verán, onde o bo tempo nos foi acompañado para ir despedíndose e dar comezo á nova estación, durounos toda a semana. E a verdade é que non era para menos. Non se pode nun só día sintetizar todo o que viñemos facendo nesta divertida xornada de 5 días ben intensos nos que, dun xeito ou doutro, toda a Comunidade Educativa estivo moi involucrada.
Comezamos a semana co descubrimento do noso cemiterio para contos. Nun lugar especial do noso centro, alí onde os contos descansan debaixo dos castiñeiros, os nenos e nenas tiveron que ir a resucitar a historia que querían compartir na súa hora de ler, deu arreguizo escoitar o que esas letras acabadas de desenterrar nos ían contando.
Pero o tempo de lectura non rematou aí. Tamén se aproveitou a hora de ler para os
apadriñamentos lectores, onde o alumnado dos cursos altos de primaria foi quen de ler para
os máis pequenos e para os nenos e nenas de infantil, compartindo desta maneira uns
momentos de pracenteira lectura e escoita atenta.
E xa metidos totalmente no mundo do medo tamén tiveron o seu protagonismo as
cabazas. Para prepararnos para a entrada da escuridade que nos acompañará nos seguintes
meses de inverno, nada mellor que iluminarnos con cabazas que fagan bater os dentes co
medo. Para tal fin puidemos contar coas familias. Foi toda unha alegría poder compartir unha
xornada con elas comprobando unha vez máis que cando escola e familia van da man as
tarefas sempre saen.
Ademais das cabazas tamén se fixeron os colares de zonchos no obradoiro. Esta
tradición arraigada na vila recuperou o espazo que lle correspondía na escola. Aínda que era
o día de defuntos cando os máis pequenos da casa saían á rúa ben armados cos seus colares
de castañas cocidas, no centro adiantamos a festa uns días para que puidesen facer coas súas familias e profesorado este adorno, revivindo este costume que en moitos fogares está
esquecido.

Estas dúas tradicións están fortemente unidas á terra, tanto castañas como cabazas
son dous produtos de tempada aos que temos acceso facilmente na zona e que, ademais de
acompañarnos na decoración desta festa, fan as delicias das nosas mesas neste tempo de frío.
E xa para finalizar, como punto final a esta semana de festa, tivemos unha xornada
para poder disfrazarnos botando man da imaxinación e do que había pola casa. Este ano
pedimos ás familias que reciclasen e reutilizasen o que xa tiñan. A resposta ao noso
chamamento foi ben acollida. O venres puidemos gozar de toda unha pasarela con traxes
feitos ou reconvertidos para o momento. Non houbo máis que romper, manchar, coser ou pegar para ter un terrorífico disfrace para o día. Con esta indumentaria, unha boa maquillaxe
e a actitude axeitada ao papel que lles correspondía non habería Óscar que se lles resistise!
Para que vos fagades unha idea do medo que pasamos cos estes pequenos e pequenas botade
un ollo!
Comentarios
Publicar un comentario