O ENTROIDO. PREPARANDO O CAMIÑO

 Este ano non quixemos deixar de lado o noso Entroido. Non puidemos levar a cabo algunhas das actividades que se viñan facendo no centro en anos anteriores, como o desfile pola vila ou os talleres coas familias. Sabemos que eses momentos son importantes para o noso alumnado, pero a situación na que estamos inmersos non o permitían. Pero si puidemos levar a cabo os disfraces co alumnado de Educación Primaria e fixemos unha pequena peregrinación. O campo de acción para o percorrido foi o patio do centro, podendo simular nel as distintas etapas do Camiño do Mar que cada curso está traballando.

Outro ano máis a costura pasou a formar parte do noso micro mundo. Este ano, ao non poder xuntarnos coas familias elaboramos un vídeo titorial no que se explicaban os pasos a seguir para elaborar a capa de peregrino e tamén unhas instrucións en papel, para que as familias de Educación Infantil puidesen ter toda a información que lles permitise elaborar o disfrace, xa que elas serían as encargadas de confeccionar a capa dos seus nenos e nenas coa tea que lles proporcionou o centro.
O alumnado de 5º e 6º confeccionou na súa totalidade o seu disfrace, a capa e o gorro de peregrino. Os de 4º fixeron a maioría da súa capa, e os de 3º axudaron a coser á máquina parte dos disfraces dos máis pequenos. A confección dos disfraces de primeiro e segundo foi asumida polo alumnado de 6º de primaria, en colaboración co profesorado. Algunha familia tamén botou unha man desde as súas casas dándolle a máquina de coser. Moitas grazas!
Todos os gorros do alumnado de primaria foron cosidos a man por cada neno ou nena. Unha vez máis comprobamos a satisfacción que lles produce elaborar coas súas mans o seu material, sabéndolles a pouco o tempo que botaron cosendo. O alumnado de Educación Infantil tamén se animou coas agullas, dando o mellor deles neste traballo.
O feito de non empregar plásticos como material para o disfrace é un gran paso para o centro, dada a liña de acción e a meta que perseguimos de “Plásticos cero”. Ademais, elaborar un disfrace en tea vai levar a que non se desbote unha vez que remate o Entroido, vai ser un disfrace máis co que os nenos e nenas poden contar nas súas casas para os seus xogos, dándolle tantas vidas como eles e elas poidan.





Comentarios

Entradas populares de este blog

Limpeza río Landro feita polo alumando de 1o e 2o de primaria.

Educación Infantil Limpeza.

Rematando a tempada.